Friday 03 de May de 2024

O BNG presenta mañá sábado 1 de abril a súa candidatura ás eleccións municipais no Hotel As Galeras (13:00)


Ademais do candidato, Iván Roca, participarán na presentación Iria Taibo (número dous da candidatura), Andrés Hernández Mouriño (número 3 da candidatura) e a deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas.

Iván Roca é concelleiro do BNG en Oleiros desde o mes de xaneiro, en substitución de Xurxo Martínez Caño, que tivo que deixar esta responsabilidade por motivos laborais. O noso portavoz municipal é xurista de Institucións Penitenciarias no centro de Teixeiro, e vive en Dexo. Milita no BNG desde hai máis de vinte anos, e será o candidato da formación nacionalista en Oleiros nestas eleccións municipais. Acompáñano na presentación Iria Taibo, tradutora e intérprete, que tamén milita no BNG desde hai máis de vinte anos e colabora con distintos colectivos asociativos, e Andrés Hernández Mouriño, que é traballador social e participa na candidatura como independente.

Ademais, intervirá Mercedes Queixas, Deputada do BNG no Parlamento galego, que colabora habitualmente coa asemblea local en temas que afectan directamente a Oleiros, como a recente reivindicación sobre a protección da Costa de Dexo.

O obxectivo da candidatura nacionalista en Oleiros é continuar coa liña de traballo construtivo e obxectivo a favor dun concello de Oleiros transparente e dialogante. Todo o equipo que acompaña a Iván Roca traballará para que o BNG sexa decisivo en Oleiros e construírmos un concello solvente, transformador, capaz de xestionar para a maioría, cunha clara aposta polos servizos públicos e o transporte colectivo e de proximidade, baixo un proxecto estratéxico orientado a mellorar a vida das persoas, verde, feminista, participativo, que pule polo comercio local, habitábel, feito para a veciñanza e implicado no desenvolvemento harmónico de toda a comarca.